O Reino Medieval de Galicia de Anselmo López Carreira
O Reino Medieval de Galicia de Anselmo López Carreira tense tornado unha obra de referencia para todas aquelas persoas interesadas nunha aproximación rigorosa á historia política da Galicia medieval. Un traballo moi documentado que se sustenta nun achegamento escrupuloso ás fontes e que presenta unha análise pormenorizada en diversas dimensións do devir histórico do Reino de Galicia desde o século V ata o século XV. Nesta renovada e necesaria terceira edición achegamos de novo ao público lector un libro fundamental para compreendermos a historia de Galicia ao longo da Idade Media.

«As achegas de Anselmo López Carreira veñen, sen dúbida, a cuestionar o relato da historia “nacional” española, ao tempo que teñen a virtude de promover unha importante relectura do que hoxe sabemos sobre a historia medieval de Galicia. E todo, sobre a base de resultados históricos contrastados, validados, discutidos, revisados e ampliados, e non desde presupostos esencialistas ou da vella lóxica de nacións en conflito ou en competencia.»
Isidro Dubert, Historiador, Universidade de Santiago de Compostela

«Anselmo López Carreira co Reino Medieval de Galicia incorpora os logros acadados pola investigación dos últimos anos […] Preocupado por recuperar a efectiva presenza do reino galego e devolver a veracidade dos feitos históricos […] vaian os parabéns para unha obra que non debe faltar nos andeis das nosas bibliotecas públicas e/ou privadas»
Xosé A. López Teixeira, Historiador e autor de Arredor da conformación do Reino de Galicia (711-910)

«Unha contribución á historia política do Reino de Galicia, amplamente documentada»
LG3, culturagalega.gal

SOBRE O AUTOR

Nacido en Vigo en 1951, Anselmo López Carreira é Licenciado en Xeografía e Historia na Universidade de Santiago de Compostela en 1976 e Doutor en Historia na mesma Universidade en 1994. Catedrático de Historia no ensino secundario, foi tamén Profesor-Titor de Historia Medieval na UNED e Doutor Vinculado no Instituto «Padre Sarmiento» de Estudos Galegos. Con multitude de libros e artigos publicados, a súa investigación céntrase na historia medieval de Galicia, nomeadamente nos aspectos relacionados cos movementos sociais baixomedievais, o mundo urbano, a edición de fontes documentais e o Reino de Galicia.

Blukk comprar agora